Os Mariñeiros da Coruña realizan unha «peregrinación-protesta» desde A Coruña ate o Bierzo
Un grupo de mariscadores da Confraría da Coruña iniciou o día 23 de agosto unha «peregrinación-protesta» en sentido inverso desde A Coruña a Vilafranca do Bierzo para reivindicar o saneamento integral da ría do Burgo.
Os mariñeiros, que farán a ruta en bicicleta, visitarán os 50 albergues repartidos polos 183 quilómetros do percorrido para mostrar ás peregrinas e peregrinos fotos das verteduras da ría e distribuír 25.000 pasquíns sobre a situación da zona. O feito de facer a ruta en sentido inverso permitirá atopar de fronte aos peregrinos facendo que a mensaxe se difunda moito máis.
Esta marcha forma parte das manifestacións simbólicas postas en marcha pola Confraría de Pescadores para denunciar a situación da ría do Burgo, despois de que a Xunta decidise reabrila ao marisqueo hai unhas semanas, tras modificar a súa clasificación de C -non apto para o consumo-, a zona B, que permite que o produto chegue ao mercado despois dun proceso de depuración.
Este cambio de clasificación foi rexeitado tanto polos mariscadores como pola Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, que puxeron en dúbida o rigor destas analíticas e mesmo teñen denunciado a situación ante a Unión Europea.
Podes ver máis fotos da ruta clicando na galería de fotos

