O GOBERNO ADMITE A JORQUERA QUE A EDAR DE BENS E O EMISARIO SUBMARIÑO TEÑEN UN RETRASO DUN ANO E NON ESTARÁN REMATADOS ATE FINAIS DE 2009
O deputado do BNG preguntaba sobre o grao de execución da partida de 1 millón de euros dos Orzamentos 2008 para o saneamento da Ría de O Burgo, pero o Goberno elude a resposta
Madrid, 11 Setembro 08. O Goberno vén de recoñecer nunha resposta por escrito ao portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que tanto a EDAR de Bens como o seu emisario submariño sofren un retraso de máis dun ano xa que tiñan que estar listas a finais do presente ano 2008.
Retraso de máis dun ano sobre a última data prevista
O Goberno alega, na súa resposta ao deputado do BNG, que “a dificultade de atopar vertedoiros próximos e conseguir as autorizacións, ademáis dos terreos necesarios, supuxo un retraso próximo a un ano, polo que as obras se prolongarán até finais de 2009”.
O mesmo sucede co emisario submariño posto que o Executivo supedita a súa posta en marcha á posta en funcionamento da EDAR que dí “debería realizarse conxuntamente coa EDAR”.
Ao deputado do BNG chámanlle a atención os argumentos empregados polo Goberno para explicar a demora na execución desta importante infraestructura medioambiental posto que denota “certa falta de previsión”. O Executivo alega que na execución destas obras inflúen “peculiaridades do terreo, o réxime meteorolóxico e temporais, e os diversos elementos e mecanismos fabricados “ad hoc” por suministradores estranxeiros”. Jorquera considera que “o normal é ter en conta todos estes aspeitos á hora de planificar unha actuación destas características e realizar o proxecto construtivo” e tilda de “pouco serio que se veña anos máis tarde con estas excusas”.
Executou o Goberno o 1 millón de euros para Ría de O Burgo?
Froito da negociación que o BNG mantivo co Goberno para os Orzamentos a destinar a Galiza neste ano 2008, incluíse unha partida global de 8 millóns de euros para a limpeza, rexeneración e saneamento da Ría de O Burgo e dos ríos Ulla, Limia e Miño. Ademáis dunha partida específica para a Ría de O Burgo que ascendía a 1 milón de euros. Neste sentido, Jorquera pregunta polo grao de execución destas partidas, sobre todo a relativa á rexeneración da Ría de O Burgo.
O Goberno bota balóns fóra na execución desta partida
No que atinxe a este tema, “o Goberno limítase a botar balóns fóra e facer como se a cousa non fora con el cando sobre a mesa temos partidas estatais aprobadas pola Administración central”, afirma o deputado nacionalista.
O Executivo emprega o argumento de que se trata de Galiza costa, “concas xestionadas por Augas de Galiza polo que o Ministerio non é competente para afrontar estas actuacións mentras non sexan declaradas de interese xeral do Estado”. Sen esquecer, puntualiza Jorquera, que “é o mesmo Goberno quen ten a potestade de declarar de interese xeral as obras”.
Respeito a este problema, o Goberno bota mán das obras realizadas no 2007 para a ordenación hidráulica do río Mero que rematan na desembocadura da Ría de O Burgo, sinalando que no “primeiro semestre de 2008 se contrataron obras complementares para a recuperación ambiental nese tramo”, unhas actuacións no río Mero que se farán nesta ano e primeiro trimestre de 2009 e que teñen un orzamento de 490.270 euros.
O deputado do BNG tamén amosa a súa estraneza pola inicial alocución do Goberno sobre as competencias sobre augas residuais. “Nós fixemos unha pergunta circunscrita a dous temas básicos: EDAR de Bens e execución das partidas orzamentarias aprobadas para a rexeneración da Ría de O Burgo. A apreciación sobre as competencias locais en augas residuais é algo que o Goberno se podía aforrar porque estamos a falar de actuacións consignadas nos Orzamentos Xerais do Estado, e por tanto, que comprometen ao Goberno e se é necesario coordenar a máis Administracións o Goberno ten a obriga de tomar a iniciativa para dar cumprimento ás súas obrigas orzamentarias”.
Descarga a resposta do Goberno en PDF
chúzame -

Leave a Reply