A petición de ESQUERDA UNIDA-IU, Bruxelas investigará a contaminación detectada na ría do Burgo.
Dando resposta á interpelación presentada por ESQUERDA UNIDA-IU, a Comisión Europea vai solicitar á Xunta que lle informe sobre que fixo e que prevé facer para reducir a contaminación na ría do Burgo e A Coruña, ante a sospeita de que os niveis de polución do estuario vulneran a directiva europea sobre calidade das augas marisqueiras. Un incumprimento semellante levou ao Tribunal de Xustiza da UE a condenar a España no 2005 polos altos índices de residuos fecais nos polígonos de bateas de mexillón da ría de Vigo, nun larguísimo expediente que só se pechou en febreiro pasado, cando a Xunta logrou convencer a Bruxelas de que adoptaría as medidas adecuadas para reconducir a situación.
O anuncio de Bruxelas responde a unha demanda do eurodiputado de Esquerda Unida-IU, Willy Meyer, quen, a petición da organización comarcal coruñesa de EU-IU, reclamou en maio pasado ás autoridades europeas que se situasen ante «o lamentable estado» da ría da Coruña e O Burgo a causa as verteduras de augas residuais sen depurar dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.
Segundo Esquerda Unida-IU, a contaminación detectada na zona é «nove veces superior á autorizada para a extracción de moluscos», o que levou á Xunta a ordenar que todo o marisco que se extraia nesa zona sexa transportado para a súa depuración durante polo menos un mes noutras áreas mariñas limpas, ao obxecto de garantir a súa salubridade.
Nunha resposta parlamentaria a eurodeputado de ESQUERDA UNIDA-IU, Meyer, o comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas, explica que os estuarios da Coruña e O Burgo foron designados «como augas para a cría de moluscos de conformidade coa directiva» que regula esas zonas, e que esa declaración «leva a obrigación de garantir as normas de calidade [...] tanto no que se refire a seguimento como a programas de redución da contaminación».
«Sobre a base da información proporcionada pola súa señoría, a Comisión solicitará información das autoridades españolas sobre os resultados dos programas de seguimento e de redución da contaminación», e «volverá ao Parlamento para presentar información adicional», di Dimas no seu escrito.
A súa resposta non presupón que Bruxelas vaia iniciar un expediente como o de Vigo, pero podería facelo se tras recibir eses datos constata que se está vulnerando a normativa europea.
O comisario tamén recorda que o seu departamento mantén aberto outro procedemento contra España por infrinxir a directiva sobre tratamento de augas residuais, nun expediente que afecta a varios centenares de grandes núcleos de poboación que se atopan situados en distintos puntos do país. Entre eles están Santiago e Vigo, e tamén A Coruña, cidade que, segundo Dimas, terá unha depuradora dez anos despois do prazo límite que fora fixado pola UE.
«Os núcleos de poboación da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros están comprendidos nun sistema colector que na actualidade verte augas residuais sen depurar nunha zona costeira ao oeste da Coruña. O sistema de tratamento estaría en proceso de construción, o cal prevese que conclúa para o 2010; e como a súa señoría sinalou [...], debería haber estado dispoñible para o 31 de decembro do 2000», asegura finalmente o comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas.
chúzame -

Leave a Reply