O BNG presentará unha moción en apoio ás reivindicacións da Plataforma e á manifestación do día 21 de xuño
maio 22nd, 2008 riadoburgoAnte a lamentábel situación na que se atopa a Ría do Burgo, o BNG presentará unha moción de apoio tanto ás reivindicacións da Plataforma como á Manifestación que baixo o lema "Recuperemos a Ría do Burgo" se celebrará o día 21 de xuño. Esta Moción será apresentada e debatida en todos os concellos da Comarca da Coruña nos vindeiros Plenos que se celebren.
Descarga o texto da moción en PDF
Texto da Moción:
A Ria do Burgo atópase desde fai anos nun lamentábel estado de contaminación por mor dos continuos verquidos de augas resuiduais procedentes de diversos concellos da Comarca da Coruña. Ademais do tremendo impacto ambiental que esto implica tamén debemos ter en conta as negativas repercusións sobre a actividade pesqueira. Trátase dunha zona de tradicional labor marisqueira, actividade da que viven moitas familias da comarca. A Coruña é a única cidade do estado español con máis de 200.000 habitantes que carece de saneamento de augas residuais. Máis de 400.000 habitantes da Area coruñesa verten as súas augas residuais directamente ao mar, na Ria do Burgo ou en Bens, sen depuración algunha e provocando graves consecuencias ambientais e económicas sobre a pesca o marisqueo e o turismo.
O certo é que a estas alturas xa debería estar funcionando a estación de- puradora de Bens e arranxado o emisario submariño. Tratándose dunha zona densamente poboada deberíase contar cun sistema de depuración segundo as directivas da UE. Nestes intres a situación é tan delicada que a zona está declarada, pola Consellaría de Pesca , como zona “C”, por mor da alta contaminación e degradación medioambiental que padece.
O BNG amosou sempre a súa preocupación polo saneamento da Ría do Burgo e nesa liña fixo un intenso traballo tanto no Parlamento de Galiza coma no Congreso dos Deputados. É preciso recordar que grazas a ese intenso traballo negociouse a inclusión nos orzamentos do Estado para o ano 2007 unha partida de 8 millóns de € destinada a limpeza, rexeneración e saneamento da Ría do Burgo e dos ríos Ulla, Limia e Miño na súa desembocadura. De igual xeito acordouse unha partida concreta de 1 millón de € para a rexenaración da Ría nos orzamentos de 2008.
Por mor da constante e crecente preocupación social do grave deterioro da Ría constituiuse recentemente unha plataforma para a súa defensa. Ademáis da confraría de pescadores da Coruña, agrupación de mariscadores de a pé e a flote , tamén están diversas entidades veciñais, colectivos, sindicatos e partidos políticos. O fin non é outro que demandar a firme actuación na aplicación da lei para os causantes directos e indirectos de verquidos á Ría, a finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os importantes focos de contaminación que van directamente á Ría, a posta en funcionamento da EDAR de Bens, a definición consensuada coas asociacións de marisqueo dun plano de
rexenearión medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo para o goce e lecer cidadán ,a recuperación dos bancos de marisqueo e finalmente defender a vixencia temporal e indefinida dos actuais convenios subscritos entre a Consellaría de Pesca e as Agrupacións de Marisqueo mentras non se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueiras.
Co fin de demandar das diferentes administracións públicas responsábeis as cuestións manifestadas con anterioridade a Plataforma para a defensa da Ría do Burgo convocou para o vindeiro sábado 21 de xuño ás 19:30 h. unha manifestación co lema “Recuperemos a Ría do Burgo”.
Por todo isto o grupo municipal do BNG solicita a adopción do seguinte acordo:
1. O pleno da corporación municipal vista a grave situación medioambiental que sufre a Ría do Burgo por mor dos contínuos verquidos apoia as reivindicacións da Plataforma e a convocatoria da manifestación do día 21 de xuño ás 19:30 h. baixo o lema “Recuperemos a Ría do Burgo”.
chúzame -
