FRANCISCO JORQUERA ESIXE AO GOBERNO QUE ACOMETA AS INFRAESTRUTURAS NECESARIAS PARA REMATAR COA CONTAMINACIÓN DA RÍA DO BURGO
O deputado do BNG lembra que a EDAR de Bens xa debería estar en funcionamento no ano 2005 e denuncia que “A Coruña é a única cidade do Estado español con máis de 200.000 habitantes que carece de saneamento de augas residuais”
Descarga picando aquí a pregunta parlamentar en pdf
Madrid, 2 Maio 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na que lle esixe ao Goberno que acometa as infraestruturas necesarias na área da Coruña para rematar coa contaminación da Ría do Burgo.
Jorquera lembra que esta ría “atópase dende hai anos nun lamentábel estado de contaminación” debido aos verquidos de augas residuais procedentes dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.
“Esta situación –denuncia- está a provocar un tremendo impacto ambiental, cunha repercusión moi negativa sobre a actividade pesqueira e marisqueira, da que viven centos de familias na zona, (....) e que levou á Consellaría de Pesca da Xunta de Galiza a declarar a Ría do Burgo zona C debido á alta contaminación e degradación ambiental que sofre”.
“A Coruña é a única cidade do Estado español con máis de 200.000 habitantes que carece de saneamento de augas residuais”
Neste sentido, Jorquera critica que “a Coruña sexa a única cidade do Estado español con máis de 200.000 habitantes que careza de saneamento de augas residuais”. Isto fai que os máis de 400.000 habitantes da área coruñesa verquen as súas augas residuais directamente ao mar, na ría do Burgo ou en Bens, sen depuración algunha e provocando graves consecuencias ambientais e económicas sobre a pesca, o marisqueo e o turismo.
Ao mesmo, tempo estanse a incumprir as directivas da UE que obrigan ás cidades de máis de 200.000 habitantes a depuraren as súas augas residuais.
“O Goberno Central atrasa continuamente a posta en marcha da EDAR de Bens”
Neste sentido, o portavoz parlamentar do BNG critica os continuos atrasos do Goberno Central para arranxar o emisario submarino e, especialmente, a EDAR de Bens, “unha obra imprescindíbel para reducir a contaminación da Ría do Burgo e cuxos prazos de execución se prolongan continuamente e a data de finalización atrásase cada vez máis”.
Así, o deputado nacionalista recorda que “no ano 2004 asegurouse que a Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens estaría en funcionamento no ano 2005; no ano 2006, e nunha resposta por escrito ao BNG, o Goberno dixo que estaría lista en outubro de 2008; recentemente, anunciouse que estaría lista no primeiro trimestre do próximo ano 2009. Porén, de novo parecen moverse os prazos e fálase de finais de 2009 ou inicios de 2010”.
Preocupación do BNG no Congreso para o saneamento da Ría do Burgo
Francisco Jorquera subliña que “o BNG sempre amosou preocupación polo saneamento da ría do Burgo e nesa liña centrou o seu traballo parlamentar no Congreso dos Deputados”. Froito desa traballo foi a partida de 8 millóns de euros que se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2007 para a limpeza, rexeneración e saneamento da Ría do Burgo e dos ríos Ulla, Limia e Miño, e a partida concreta de 1 millóns de euros para a rexeneración da Ría do Burgo que o BNG conseguiu incorporar nos Orzamentos Xerais do Estado para 2008.
Esixencia de cumprimento dos prazos e de execución das partidas
Ante esta situación, o deputado do BNG pregúntalle ao Goberno pola “data concreta en que se prevé a finalización e entrada en funcionamento da EDAR de Bens”, así como do emisario submarino.
Solicítalle tamén se “pode asegurar que ningunha destas infraestruturas necesarias e urxentes para a poboación da Coruña vai sufrir máis atrasos e demoras na súa finalización”.
Así mesmo, pregúntalle ao Goberno se “é consciente da situación de degradación medioambiental e de alta contaminación que padece a ría do Burgo” e se vai axilizar o seu saneamento e rexeneración.
Por último, Jorquera solicita información sobre o grao de execución das partidas que o BNG conseguiu incorporar nos Orzamentos do Estado dos anos 2007 e 2008 para a rexeneración da ría.

Deixa unha resposta